Estamos con vontade de medrar. Queremos familias que desexen para as súas fillas e fillos relacións tranquilas e de respeito mútuo, tanto entre pequenas como con adultas. Que desexen ver como a autonomía, a seguridade en si mesmas e a autoestima se afirman nelas, ben lonxe desas voces que noutros lugares din que hai que saber facer certa cousa a certa idade, ou que o mundo é salvaxe e duro e que, cando antes se afagan á crueza da vida, mellor. Nós cremos aínda que outro mundo é posíbel, por iso traballamos coas máis pequenas. Queremos outro mundo para elas, no que desde a máis tenra infancia poidan ter unha educación na que sexan realmente protagonistas e as súas vontades, intereses e emocións sexan importantes e, por tanto, consideradas.As nosas portas abertas son un símbolo para expresar que queremos sair e ampliar a tribo. Sabemos que nesta época hai moitas familias buscando un lugar para as súas pequenas. Nós temos ese lugar, un lugar excepcional a carón do mar, arranxado con esmero para que elas se atopen seguras e felices. Se queres coñecernos, achégate o día 14 de abril de 2018 ata a Ponte do Porco. Estaremos alí entre as 11 e as 18:30 horas. Contarémosche o que facemos e partillaremos inquedanzas respecto á educación e crianza. Se ves á hora do xantar, poderemos tamén compartir un piquenique. Se cadra Aléia é tamén o lugar para as túas pequenas e para ti.
Nota: Para organizar as visitas aos espazos interiores, é preciso anotarse a través do correo electrónico ou mensaxe privada de Facebook, indicando nome, idade da nena/-o e hora desexada (12 ou 17 h).