Crisálida fin de curso

DSC06788Chegou o San Xoán e con el a festa. Aquí nunca tivemos que agardar todo o ano ansiosamente, contando os días para o fin do curso. Para as nenas de Aléia, que viven a liberdade para seren elas mesmas e que teñen praia de setembro a xuño, o verán significa estar na casa moitos días seguidos. Significa  ver menos frecuentemente as amiguiñas, relegar os proxectos en equipo, os ensaios musicais e os comentarios de lecturas para o outono. As que teñen sorte deberán conformarse xogando con irmáns. curmáns e demais familia. É difícil dicirlles que mañá non hai Aléia, nen pasado, nen pasado… que serán moitos días sen Aléia. As mais pequenas non entenderán, as grandes igual pensen que o tempo de abstinencia é demasiado e irrumpan calquera dia pedindo whatsapps para ver a sua xente.

O último dia sempre é unha algarabía un pouco caótica. Non temos inchábeis nen pintacaras, nen sequera amenizadoras de festa infantil, porque as nenas son tan protagonistas que fan, deciden e deseñan a súa festa. Quixeron, igual que o ano anterior, cociñar un menú para as mamás e os papás. E de sobremesa, mil e unha obras de teatro, máis ou menos improvisadas, e cantar cen veces as mesmas cancións con diferentes arranxos para que ninguén, absolutamente ninguén, quede sen ver o espectáculo. O último dia, as familias veñen relaxadas, dispostas a deixarse sorprender. A ilusión é moita, a improvisación tamén, e entre risas e aplausos agroma algunha que outra bágoa nos ollos.

DSC06868_bisEste xuño é diferente. Ainda que Aléia se mete no ovo outra vez durante o verán, sabemos que está a pasar unha mutación extraordinaria para nos sorprender no outono. As persoas que estudan arreo para saber acompañar cada vez mellor están a crear unha escola. Sí, pasamos todos estes anos acreditando que debía ser posíbel unha escola na que as nenas poidan crecer e socializar nun ambiente de amor e seguridade, onde as súas emocións sexan tidas en consideración, onde poidan desenvolver a súa personalidade e marcar os seus propios límites. Unha escola onde as linguas sexan modo de comunicación en igualdade de condicións, onde as pequenas poidan decidir qué aprender, cómo e durante canto tempo. E sobre todo que poidan xogar e experimentar sen tregua, coa porta sempre aberta á natureza. Debía ser posíbel, pero aínda non dábamos atopado a maneira.

Nesta primavera, o noso camiño cruzouse coa xente de Pangea e tivemos a sorte de poder sermos co-creadoras da Pangea coruñesa. Atopalas supuxo para nós a posibilidade de seguir formándonos e de dar visibilidade, legalidade e pragmatismo aos nosos soños.

Gostariamos de gobernar e lexislar para que estes ambientes infantís fosen a Norma, pero quédanos grande. Por iso temos que asumir con tristeza que deixamos familias polo camiño. Familias que estiveron con nós, familias que quererían estar, familias que nos soñaron. Pero tamén admitimos que antes, agora e nun futuro, aspiramos a ser xermolo de cambio social, unha faísca que acenda o lume do cambio educativo. Como todas sabemos, as revolucións non veñen precisamente desde arriba. Haberá que ir dando pasos logo.

DSC06853

Privilexio de non facer nada

Temos recibido comentarios marabillados de adultas que entran no espazo e teñen o privilexio de ver o que acontece dentro. Son adultas que acompañan crianzas en periodo de adaptación ou observadoras durante os tempos de prácticas. Son adultas que restrinxen o seu papel a mimetizarse co medio e intervir cero. Como moito, as que veñen de figuras de apego, están aí se a nena que trouxeron precisa da súa presencia e conforto. E entón contan:

Desde un recanto vin como un grupo se afanaba en facer un barco de papel xigante xuntando múltiples A3 e sair á ría ver se navegaba. Ao ver que afundía, decidiron de contado ir buscar madeira de deriva para facer unha balsa. O martelar durou vario20180524_111251s días pero a balsa nunca puido ser movida ata o mar.

Durante o xogo no exterior observei como un neno de 3 lle dicía a outra nena maior que non quería que o collese no colo. A maior explicábase dicindo que era para axudalo a subir na carreta. E entón… o pequeno mostroulle como sabía subir sen axuda, apoiando un pé na roda.

En silencio escoitei contar un conto de África a capítulos. Era tan real tan real que días despois, no xogo simbólico, saían Samina ou Ahmed, a area, o deserto, os camelos…20181203_134138

Por un buratiño vin como dous nenos collían coroas “de princesas” e pintaban as caras de vermello frente o espello. Eran, seica, os bombeiros de uniforme.

Un dia asistin á conversión dun baño nun salón de penteado no que nenas e nenos xogaban a se pentear, en orde, con cita previa. Trenzas, rulos, mechóns postizos para todos e todas.

Desde lonxe vexo un grupo ao que a acompañante conta un conto. Decátome entón como unha nena vai cara unha esquina ler soa, en voz alta, pero o suficientemente baixo para non perturbar a tranquilidade do espazo e os xogos e tarefas das demais. Despois souben que era o primeiro conto que lía enteiro.IMG-20190329-WA0005

Desde hai varios días reparo noutra nena que manipula diferentes materiais matemáticos. Calcula en voz baixiña, parece non cansar nunca. Semella absorta. Ás veces, perfila con suma destreza os números nun caderno.

Non o vin, pero escoitei, desde o andar de embaixo, a canción de “Amélie”. E como non era perfecta, deducín que estaban facendo ensaios de orquesta.

Se cadra parece irreal. Non o é. Pero para chegar a isto hai que entender que, día tras día, hai un traballo de acompañamento enorme detrás. E iso é precisamente o difícil de ensinar con fotos ou con palabras. Só quen tivo o privilexio de poder estar e non facer nada puido ser testigo de historias coma estas.

 

 

Correr en círculos: vivencia infantil.

Quen non ten vívida a imaxe de crianzas correndo en círculos polo mero feito de correr?A nosa mente adulta non pode imaxinar a diversión detrás de tal actividade, non se trata de pillar, nen tan sequera de chegar antes. É algo moi “zen”: correr por correr, polo puro pracer de ser primeira e logo última e logo outra vez primeira. Unha especie de meditación estilo derviche, pero en comunidade.

E se nesta actividade tan simple sucede un conflito, que facemos?

Supoñamos que hai outras nenas que se poñen a correr da mesma forma e as que estaban se senten ofendidas. Supoñamos que as que estaban primeiro deciden parar o xogo para poñer o límite: “Non queremos que nos copiedes”. E que as segundas argumentan: “Nós temos dereito a correr e a xogar así tamén”. Que faremos como adultas acompañantes?

O normal: a adulta achégase, pregunta que pasa e propón unha solución. Por exemplo: correr noutro lado, ou correr primeiro unhas e despois outras. Parece xusto. Quedamos satisfeitas. E as nenas?

En Aléia preguntamos primeiro cales son as vontades de cada unha das partes implicadas. Unha di: “non queremos que nos copien”. Outra di: “queremos correr e temos dereito”. E entón preguntamos se a alguén se lle ocorre unha solución. Parecerá mentira, pero nalgo tan simple hai múltiples solucións. Unha nena propón que as que se incorporaron despois vaian correr á casa. Outra propón que as primeiras poden correr en sentido horario e outras contrahorario. A terceira di que poden facer quendas. Pois ben, por moi absurdo que pareza, desta vez decidiron que a mellor opción era a segunda. A adulta pensante interpreta: se unhas fan o círculo así e outras asá van chocar e vai haber máis conflito. Pero non intervén, cala, e as nenas deciden probar. E bótanse a correr como acordaron. En segundos estoupan en risos. O xogo de correr e chocar ou evitar chocar é moito máis divertido que o de antes. Onde primeiro xogaban dúas, agora xogan catro. E o conflicto esfumouse. niños-energia-corriendo-saltando-feliz

Adolescencia

Anticipando momentos acudimos a unha charla sobre acompañamento na adolescencia, ese periodo terríbel e temíbel para nais e pais. E saimos coa idea do que xa sabíamos: vivimos nun periodo bastante demencial. As adolescentes son coma sempre, o que cambiou é o meio. Agora é imposíbel poñer portas ao campo da internet, das RRSS e dos smartphones. E mentres aumenta a violencia de xénero, o bulling, o ciberacoso, as desordes alimentarias e lindezas polo estilo, as adultas adicámonos a botar as mans á cabeza cando os nosos fillos e fillas chegan á adolescencia e hai un muro inmenso que nos separa. “ola! Como me conecto co meu fillo?”

E entón alguén nos di que estamos educando as nenas para os likes desde a máis tenra  infancia, e os nenos para ser campións e triunfar caia quen caia. Porque a elas sempre lles dicimos o guapas que están e eles o “guau! que valente!“. E medran entre monstros de xoguete e princesas inexistentes.

No seu tempo (libre ou non, hoxe en día pódese estar conectada 24/7), as nosas adolescentes, se cadra, adícanse a sementar internet con posados de Instagram, fotos que soben inocentemente buscando compracer a eses outros, buscando popularidade, e que rematan no vertedoiro do ciberacoso, no que seica o 70% son mulleres, na sextorsión ou a saber…

Na adolescencia vaise marcando o que seremos de adultas. Grazas aos múltiples avatares e a miña destreza en xogos online podo chegar a crer que son ese heroe que se espera que eu sexa. Como teño mil e unha vidas, arríscoas sen temor. O caso é triunfar.

Grazas ás mil fotos dixitais das que escollo a mellor, co mellor perfil, a mellor luz e o mellor fondo, podo reconciliarme co meu corpo de moza-muller. E gustar, e recibir likes, e aumentar a miña autoestima, tan fraca desde o início: “non subas aí que vas caer, que manchas o vestido, non ves que es pequena…”

E polo medio, calquera dia aparece o porno de internet, cru e violento, como mestre do sexo.

E cando foi o tempo de saber quen son, que quero, que me gusta, que non, que limites poño co meu corpo e coa miña persoa? Cando foi o tempo de ser eu antes de ser o que os demais esperan? Cando foi o tempo de ser eu fóra da pantalla?

Foi cando era máis pequena. Se cadra cando tiña dous anos. Se cadra máis cedo. Se cadra sempre foi o tempo, ou debería ter sido canto antes. Pero daquela ensináronme a obedecer e a facer o que á mamá, ao avó, á profesora, á adulta “x” lle gustaba que eu fixese. E aprendín. Sigo patróns de vida e estereotipos culturais coas raíces afundidas desde hai milenios no patriarcado e métoos no altifalDSC03749ante das redes sociais até se volver incríbelmente hiperbólicos. Na adolescencia, as figuras de referencia son as coetáneas, e tamén os youtubers, as instagrammers, e entón papá e mamá levan as mans á cabeza e non saben por onde empezar.

Acompañar desde a mais tenra infancia con respeto, escoitando e atendendo as necesidades da crianza en cada etapa, proporcionandolle un lugar seguro e a autoestima suficiente para medrar con ela é fundamental  para deter a violencia. A confianza nas fillas e fillos non se gaña na adolescencia, gáñase cando acompañamos todo o seu proceso de vida sen discriminacións adultistas. Ser pequenos non significa non ter desexos ou necesidades, ter que obedecer cegamente.

Pero aí temos cada unha de nós un traballo individual inmenso para facer. Comecemos por baleirar a nosa mochila dos estereotipos e despois por esforzarnos no bon trato. Non é doado, eh?

 

Titiricircus a todas horas

DSC03778A chispa pode prender en calquera momento. O interese que trae alguén da casa, desde a vivencia da fin de semana, dun libro…

Despois de levaren varios días xogando ao teatro e ao circo, no obradoiro da semana pasada, as nenas construíron un teatro de sombras. As figuras negras podían ter partes de cores grazas ao papel celofán e, entón, o teatro parecía aínda máis máxico. Desde que ese teatriño de caixa de laranxas se construíu non parou de funcionar. Se cadra, alguén pensou que este xogo era cansino xa, que as que facían de espectadoras se ían aburrir, pero nada máis lonxe da realidade. Onte foi G. (3 anos) quen foi xuntando a xente para poder ver teatro de títeres outra vez máis. E decidiron repetir o xogo aínda que houbese só unha persoa no público. No espazo creado detrás dunha cortina, a poucos centímetros, xuntábanse espectadoras e artistas. Improvisábase a historia coas figuras dispoñíbeis, as voces sincronizábanse sen pisarse e a música proviña de tarteiras e instrumentos de percusión ocultos detrás do biombo. A contraluz, sombras chinesas proxectadas en papel de fornear. Historias de persecucións, ambulancias, policía… O público, de bocas abertas, ría e aplaudía o senfín de peripecias tolas, sons, músicas e cancións.

O espectacular non era a historia en si.  O espectacular era a creación espontánea dunha obra teatral con principio e fin, sen guión previo; era o silencio e a atención que imperaba entre o público (que xa aumentara e decidira asistir por propio interese). Era a narración nun galego case perfecto dunha nena que empezou a falalo por contaxio doutras nenas do espazo. Sen currículo, sen plan de normalización. Espectacular é o respecto co que as máis grandes e as máis pequenas participan neste e outros xogos, decidindo que e como facer en todo momento.

 

Moverse en liberdade, medrar con autonomía

Crendo firmemente as premisa de Jesper Juul (“Su hijo, una persona competente”), as persoas de Aléia acreditamos que a autonomía e a liberdade debería ser garantida tamén para os máis pequenos da casa. Por iso inauguramos no noso local un lugar de encontro para crianzas entre 0 e 3 anos, acompañadas das súas adultas de referencia. Partindo do enfoque pedagógico estudado e aplicado por Emmi Pikler no Instituto Lóczy, creamos un espazo adaptado para que as miúdas poidan desenvolver a súa motricidade acompañadas por unha relación afectiva que lles dea seguridade e confianza. Ademais, estes encontros servirán tamén para por en común experiencias, inquedanzas e dúbidas respecto á crianza das nosas pequenas.

Martes de 17 a 19 h

Venres de 11 a 13 h

Prezo: 20 € unha, 30€ dúas sesións semanais.

Se tes interese en asistir, ponte en contacto connosco a través do teléfono ou correo electrónico.pikler2

Curso de materiais Montessori

Dentro do espazo de formación de Aléia contamos este ano coa presencia de Sandra Vallcanera para darnos un curso presencial de 25 horas en tres dias (do 18 ao 20 de novembro) sobre materiais Montessori para a educación infantil (de 3 a 6 anos) e, nalgunhas áreas, para os primeiros cursos da educación primaria (de 6 a 9). Trátase dun curso dirixido tanto a profesionais da educación como a familias que queiran achegarse á pedagoxía de María Montessori para integrar nas súas aulas ou casas a aprendizaxe manipulativa e vivencial. Sandra conta cunha longa traxectoria como nai homeschooler, mestra, técnica en educación especial e especialista no método Montessori, coñecida a través da súa web  Jaisa Educativos.  O curso centrarase básicamente na presentación e funcionamento dos materiais, ainda que no transcurso do mesmo trataranse tambén diversos aspectos da filosofía Montessori.

20151215_113337As datas e horario do curso serán os seguintes:

18 de Novembro (Venres): de 16 a 21h.

19 de Novembro (Sábado): de 9 a 14h e de 16 a 21h.

20 de Novembro (Domingo): de 9 a 14h e de 16 a 21h.

O programa deseñado para o curso é o seguinte:

Bloque 1: Introducción a Montessori: Ambientes preparados e Vida Prática.

Neste bloque farase unha introducción á pedagoxía nos aspectos máis teóricos. Tamén se verá cómo preparar unha aula para dar ideas para introducir os materiais Montessori na escola tradicional e como preparar un ambiente na casa.

Bloque 2: Vida Prática.

Comezaremos coa área de Vida práctica recomendada en toda a etapa de infantil (coidado dun/dunha mesm@, coidado do ambiente, normas de convivencia,…)

Bloque 3: Sensorial.

Neste punto mostraranse os materiais que se traballan para o desenvolvemento dos sentidos na etapa de 3 a 6, e que son preparatorios para as seguintes áreas de matemáticas e linguaxe.

Bloque 4: Linguaxe.

Mostraranse os materiais adecuados para a introducción à leitura, escritura e gramática.

Bloque 5: Matemáticas.

Neste obradoiro mostraranse materiais para traballar desde o recoñecemento dos números, pasando polas principais operacións matemáticas e cunha pequena introducción a etapa de 6-9.

Bloque 6: Cultura xeral: Educación Cósmica.

Aquí mostraranse algúns materiais para traballar nas áreas de Zooloxía, Botánica, Xeografía, Historia e Ciencias.

O prezo do curso serán 175€ se realizas a inscrizón e o pagamento antes do día 15 de Outubro, e 200€ se a reserva da praza é posterior a esta data. As prazas son limitadas, e a reserva das mesmas farase por orden de inscrición.

O prezo do curso inclue o seguinte:

-materiais Montessori para practicar no cursoimg-20160128-wa0000
PDF con toda a información recibida
certificado de asistencia
acceso a un grupo privado de Facebook no que poder compartir e resolver dúbidas posteriores ou consultas
10% de desconto nunha primeira compra de materiais en Jaisa Educativos.

As familias que precisen asistir ao curso acompañad@s d@s suas/seus bebés de colo poderán facelo; non será posíbel a asistencia de nen@s maiores, xa que poderían dificultar a concentrazon d@s asistentes.
Podedes formalizar a inscrición a través de aleiacursos[arroba]gmail.com. Tede en conta que este é o único curso presencial que dará Sandra Vallcanera na Galiza no ano escolar 2016-17.
curso-montessori-jaisa

Día solleiro de portas abertas

Foi un pracer abrir a porta a todas as familias e persoas individuais que quixeron compartir con nós este fermoso día de sol. Un pracer encontrar amigas, trabar amizades con quen coñeciamos de vista ou de oídas, coñecer xente nova interesada en ver por dentro a nosa casa e en escoitar en que consiste e como xurdiu o noso proxecto. Incríbeis foron as mostras de afecto, os sorrisos, as palabras de ánimo, as oDSC01185lladas de comprensión. En definitiva: o recoñecemento de que este lugar idílico no que as nosas pequenas conviven cada día está creado con grandes doses de amor e ilusión e moi poucos recursos. Que xuntas e querendo podemos construir algo novo. Esperamos que quen nos visitou gozara dun tempo bonito connosco e que se anime a voltar cando a ocasión apareza. Tamén esperamos que este proxecto vaia collendo raíces na comarca e sexa punto de referencia para o encontro de familias que buscan unha educación máis libre, máis respectuosa e máis integral das súas fillas. A nosa árbore vai prendendo. Queremos que non fique soa, que sexa un bosque, unha Aléia. Queremos crear comunidade. Porque estamos inmersas nun mundo no que as persoas viven ailladas nas súas celas, sen tribo para a crianza, sen referentes para educar fóra dos cánones dados polos currículos das administracións.
Aléia encheuse hoxe de pequenas e grandes cheas de ilusión, encheuse de xogos e conversas, de alegría. Preparamos con esmero un xantar que resultou ser delicioso (habia quen nos propuña mesmo poñer as receitas no blogue!), desfrutamos co Piccolo Theatre das nosas amigas de Trécola e, como fin de festa, unha relaxante viaxe sonora guiada polo tamén amigo Adrián Barreiro . Adultas e nenas marchamos cansas para a cama, pero cheas de enerxía e desexando que o dia seguinte siga sendo tamén de sol nas nosas vidas.DSC01204

Comezamos

Foi unha mañá tranquila na que cruzamos a pasarela. A casiña abríase a nós coa emoción de estrear algo. Estrear mochila. Estrear caixa da merenda. Estrear botas. Para as pequenas, era a primeira vez que pisabamos unha escola. Ao abrir a porta, o noso espazo, a casa convertida en Aléia. As grandes non daban ainda crido que en tan pouco tempo criaran un espazo propio desas características. E aí estaba, diáfano e relocente na gris mañá de novembro, coa sua casiña na árbore, a parede de escalada, o obradoiro de carpinteiria, a cociña, o recuncho do xogo simbólico, os estantes co material preparado. As miúdas entraron sen saber ben por onde empezar, vacilantes coas suas mochilas. Deixaron as súas pertenzas nas caixas identificadas co seu nome e foto. Tiraron os zapatos. Foi medio minuto antes de se concentrar de cheo en expremer un limón ou de liberar a enerxía do almorzo saltando no garaxe, convertido en ximnásio. Medio minuto só e comezou a roda de actividade no espazo gañado para as crianzas. Todas chegaron coa incerteza de que pasaria ao cruzar a porta. E a vergoña inicial foise esvaindo pouco a pouco igual que a néboa da mañá.  As grandes, só as xustas, acompañaranas desde hoxe neste seu camiño bordeado de árbores. Para medrarmos xuntas, grandes e pequenas, nun ambiente de liberdade, amor e respeto. Temos a intención de asumir a responsabilidade. Temos a intención de seguir soñando que outro mundo é posíbel.