Crisálida fin de curso

DSC06788Chegou o San Xoán e con el a festa. Aquí nunca tivemos que agardar todo o ano ansiosamente, contando os días para o fin do curso. Para as nenas de Aléia, que viven a liberdade para seren elas mesmas e que teñen praia de setembro a xuño, o verán significa estar na casa moitos días seguidos. Significa  ver menos frecuentemente as amiguiñas, relegar os proxectos en equipo, os ensaios musicais e os comentarios de lecturas para o outono. As que teñen sorte deberán conformarse xogando con irmáns. curmáns e demais familia. É difícil dicirlles que mañá non hai Aléia, nen pasado, nen pasado… que serán moitos días sen Aléia. As mais pequenas non entenderán, as grandes igual pensen que o tempo de abstinencia é demasiado e irrumpan calquera dia pedindo whatsapps para ver a sua xente.

O último dia sempre é unha algarabía un pouco caótica. Non temos inchábeis nen pintacaras, nen sequera amenizadoras de festa infantil, porque as nenas son tan protagonistas que fan, deciden e deseñan a súa festa. Quixeron, igual que o ano anterior, cociñar un menú para as mamás e os papás. E de sobremesa, mil e unha obras de teatro, máis ou menos improvisadas, e cantar cen veces as mesmas cancións con diferentes arranxos para que ninguén, absolutamente ninguén, quede sen ver o espectáculo. O último dia, as familias veñen relaxadas, dispostas a deixarse sorprender. A ilusión é moita, a improvisación tamén, e entre risas e aplausos agroma algunha que outra bágoa nos ollos.

DSC06868_bisEste xuño é diferente. Ainda que Aléia se mete no ovo outra vez durante o verán, sabemos que está a pasar unha mutación extraordinaria para nos sorprender no outono. As persoas que estudan arreo para saber acompañar cada vez mellor están a crear unha escola. Sí, pasamos todos estes anos acreditando que debía ser posíbel unha escola na que as nenas poidan crecer e socializar nun ambiente de amor e seguridade, onde as súas emocións sexan tidas en consideración, onde poidan desenvolver a súa personalidade e marcar os seus propios límites. Unha escola onde as linguas sexan modo de comunicación en igualdade de condicións, onde as pequenas poidan decidir qué aprender, cómo e durante canto tempo. E sobre todo que poidan xogar e experimentar sen tregua, coa porta sempre aberta á natureza. Debía ser posíbel, pero aínda non dábamos atopado a maneira.

Nesta primavera, o noso camiño cruzouse coa xente de Pangea e tivemos a sorte de poder sermos co-creadoras da Pangea coruñesa. Atopalas supuxo para nós a posibilidade de seguir formándonos e de dar visibilidade, legalidade e pragmatismo aos nosos soños.

Gostariamos de gobernar e lexislar para que estes ambientes infantís fosen a Norma, pero quédanos grande. Por iso temos que asumir con tristeza que deixamos familias polo camiño. Familias que estiveron con nós, familias que quererían estar, familias que nos soñaron. Pero tamén admitimos que antes, agora e nun futuro, aspiramos a ser xermolo de cambio social, unha faísca que acenda o lume do cambio educativo. Como todas sabemos, as revolucións non veñen precisamente desde arriba. Haberá que ir dando pasos logo.

DSC06853

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s